Monday 13 de May de 2024

Mofa & Befa porá o broche final ao ciclo teatral do outono pobrense


Unha nova compañía subirá ás táboas do Elma para representa-la última das funcións adscrita ao ciclo teatral artellado para o mes de novembro por parte da Concellaría da Cultura da Pobra do Caramiñal, da cal é titular a edil Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), en colaboración coa Rede Cultural da Deputación da Coruña.

Mofa & Befa pechará o cartel no domingo 27, ás 19.00 horas, coa peza Pirolíticos. Trátase esencialmente dunha guía con lentes violeta que, seguindo a estrutura de sketchs, pretende reflexionar sobre o impacto do patriarcado nos propios homes, recoñece-la súa posición de privilexio e amosa-las contradicións que estas influencias provocan no día a día, pondo o foco en todo o momento sobre un home que simpatiza co feminismo e aspira a vivir en consonancia con el, pero que ten que enfrontar un machismo profundamente arraigado.

O acceso é libre ata completa-la cabida.